Debe habilita-los SCRIPTS no seu navegador O Concello e a AGFA do Eume establecen un protocolo para as visitas guiadas á horta de froiteiras do país
O Concello e a AGFA do Eume establecen un protocolo para as visitas guiadas á horta de froiteiras do país

10/12/2013

Imaxen Descriptiva da Nova

A horta de froiteiras autóctonas xestionada pola AGFA do Eume converteuse nos últimos meses nun atractivo para grupos organizados que queren saber máis sobre as variedades que contén. De feito, a horta é o único plantío deste tipo que hai en Galicia fóra dunha institución dedicada á investigación. Para xestionar mellor as visitas e para axudar a sufragar os gastos, o Concello e a AGFA do Eume deseñaron un protocolo polo que se rexerá a atención ao público a partir de agora.

A Asociación Galega de Froitas Autóctonas do Eume (AGFA) ten como obxectivo principal recuperar, preservar e difundir as variedades comarcais das árbores froiteiras. Hai cinco anos o Concello de San Sadurniño suscribiu un convenio a través do que lle cedeu á entidade a xestión da leira da Cortiña para desenvolver o proxecto da horta de conservación de froiteiras.

Agora que as árbores xa teñen un porte aceptable e que xa están en proceso de produción, o valor didáctico da horta intensificouse e por iso se estableceu un procedemento que asegure a difusión da fruticultura por medio de visitas guiadas á parcela que, para quen non o saiba, ten as seguintes características:

Localización: está situada no lugar do Casal, nas proximidades da estrada Ferrol-Ortigueira ao seu paso polo núcleo municipal, xusto por detrás do Centro de Día e moi preto do Pazo da Marquesa.
Parcela: extensión dunha hectárea, cun valo perimetral.
Froiteiras: máis de 160 variedades de froiteiras das comarcas do Eume, Ortegal e Ferrol
Instalacións complementarias:caseta de trebellos de labranza, punto informativo con carteis informativos da horta e apiario didáctico, con colmeas activas (xestionado pola AGA Ferrolterra).

Como son as visitas?
As visitas fanse paseando entre as froiteiras e con explicacións por parte do persoal da AGFA do Eume sobre os obxectivos da asociación, o proceso de creación da horta, información sobre as variedades e as técnicas agronómicas que requiren. Ademais tamén se solventarán dúbidas e preguntas que poidan xurdir, repartiranse folletos informativos e, se é posible, tamén se degustarán pezas de froita producidas na horta.

Procedemento das visitas
Poderá solicitar a visita á Horta calquera persoa, grupo ou colectivo que teña interese pola fruticultura e a protección do patrimonio natural. Cada grupo terá un máximo de 25 persoas e non existe número mínimo, aínda que si un prezo mínimo da visita.

A solicitude hai que facela como moi tarde unha semana antes do día que se queira visitar a horta chamando ao 605.614.816 ou enviando un correo a agfaeume@gmail.com.

Prezos:
a. Grupo de 1 a 10 persoas adultas: 20,00 € por grupo
b. Grupo de 11 a 25 persoas adultas: 2,00 € por persoa
c. Grupo de escolares: 0,5 € por alumno/a

O pagamento farase en efectivo no momento da visita á persoa que faga de guía. Esta cantidade económica será empregada para sufragar os gastos ocasionados pola visita, así como para colaboración coa propia AGFA do Eume.

Máis información de interese:
Blog da AGFA do Eume

Galeria de Fotos: O Concello e a AGFA do Eume establecen un protocolo para as visitas guiadas á horta de froiteiras do país