Debe habilita-los SCRIPTS no seu navegador Aprobado o 2º Plan para a Igualdade de oportunidades entre Mulleres e Homes
Aprobado o 2º Plan para a Igualdade de oportunidades entre Mulleres e Homes

11/11/2013

Imaxen Descriptiva da Nova

A aprobación do II PIOMH é un dos acordos de maior transcendencia para a vida municipal adoptados polo pleno do Concello. Trátase dun documento que vai máis aló dunha simple declaración de intencións, xa que está deseñado como un plan de acción estruturado e de obrigado cumprimento para todos os departamentos municipais. Ademais, o II PIOMH é tamén unha guía de boas prácticas que todos e todas nós podemos converter en realidade, ben sexa na vida diaria ou a través das asociacións e entidades nas que participemos.

O Concello de San Sadurniño iniciou a elaboración do seu II Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes (II PIOMH) no mes de abril botando man da empresa Deloga e coa colaboración económica da Deputación da Coruña, ademais da decidida implicación do persoal municipal, representantes dos grupos políticos e tamén das distintas entidades do territorio.

A premisa de traballo foi a de analisar a situación real do municipio trala execución do primeiro plan de cara a poñer en marcha novas medidas a prol da igualdade de xénero. Deste xeito o II PIOMH representa o compromiso da administración local na aplicación de políticas sociais que fomenten a igualdade real e efectiva, ademais de ser unha ferramenta de acción coa que eliminar calquera forma de discriminación.

O plan está dividido en seis liñas de actuación con cadanseu obxectivo xeral mais varios obxectivos operativos que, á súa vez, levan aparelladas distintas actuacións concretas para desenvolver no periodo 2014-2017. Nel márcanse as competencias que cada área de goberno debe asumir e cada acción está programada e enlazada cunha concellaría e equipo técnico, o que permitirá avaliar os logros acadados e fortalecer os puntos febles.

De acordo coas encomendas do PIOMH, o Concello deberá desenvolver políticas de igualdade que faciliten a conciliación da vida familiar e laboral, a inserción do colectivo feminino no mercado laboral, a sensibilización e prevención da violencia de xénero e un abano de programas e actuacións de coeducación que axuden a desterrar a imaxe estereotipada da muller. O plan de acción incide especialmente na educación como a principal canle para levar a cabo este cambio e acadar unha igualdade real e efectiva.

Como exemplo da aplicación práctica dun plan de igualdade temos a experiencia do I PIOMH, que deu pé a programas tan exitosos e útiles como a Aldea de verán, Tempos para compartir, a integración en programas formativos como a Rede Xiana ou os obradoiros de autodefensa ante a violencia de xénero. Ademais toda a comunicación municipal ten moi en conta a perspectiva de xénero á hora de difundir contidos e as liñas de subvencións para cultura e deportes valoran especialmente aquelas actividades organizadas polas asociacións que contribúan á igualdade.

O II PIOMH aprobado no pleno de novembro presentarase publicamente o sábado 23 de novembro a partir das 17.00h. na casa da Cultura no marco dos actos programados co gallo do Día internacional contra a violencia de xénero.

Documentación descargable:
II Plan de Igualdade de oportunidades entre Mulleres e Homes de San Sadurniño (pdf de 24 MB aloxado en Google Drive)
Galeria de Fotos: Aprobado o 2º Plan para a Igualdade de oportunidades entre Mulleres e Homes