Debe habilita-los SCRIPTS no seu navegador ¿Que fago se me empeza a fallar a televisión por culpa do 4G?
¿Que fago se me empeza a fallar a televisión por culpa do 4G?

13/01/2016

Imaxen Descriptiva da Nova

O despregamento da tecnoloxía LTE na banda de 800 Mhz (o 4G) obrigou a mover antes varias canles da TDT para deixarlles libre esa frecuencia ás operadoras de telefonía móbil. Esa liberación quedou completada en abril de 2015 e desde aquela están poñéndose en marcha novas estacións capaces de ofrecer ata 150 "megas" de velocidade de conexión á Internet. Porén, esta fase de posta en marcha pode causar interferencias na recepción do sinal de televisión e de aí que as operadoras puxesen en marcha a entidade llega800, que ofrece información e incluso a instalación gratuíta dun dispositivo que corrixa as interferencias debidas ao 4G.

O Ministerio de Industria obrigou a Movistar, Orange e Vodafone -as operadoras con rede propia de antenas- a que tomen medidas para que o despregamento do 4G non lle afecte á recepción da televisión e, de facelo, que tomen as medidas necesarias para corrixir o problema sen custes para a veciñanza.

De momento non se sabe cando vai chegar o 4G a San Sadurniño, aínda que a FEMP xa lle enviou ao Concello información ao respecto desta cuestión e que medidas se van tomar a través de llega800. En teoría, no momento en que se active un repetidor 4G -un "nodo" en linguaxe técnica- que poida causar interferencias nunha zona determinada, esta entidade enviará unha carta aos usuarios e usuarias que puideran verse afectadas indicándolles que a partir dese momento poderán solicitar a adaptación da antena para inmunizala ante o 4G.

Trátase dunha medida preventiva -para curarse en saúde, vaia- e na maioría dos casos abondará cun simple filtro de frecuencias que nos instalarán de forma totalmente gratuíta despois de solicitalo a través da web www.llega800.es ou do teléfono 900 833 999.

Non hai razóns para dubidar de que a campaña non se desenvolva tal e como se anuncia. Pero cómpre ter en conta que a información dispoñible na web de llega800 sinala que a comunicación a recibirá a cidadanía que resida nas "zonas de maior afectación", o que fai presupoñer que as cartas cheguen antes aos grandes núcleos de poboación que ás pequenas zonas rurais, como é o noso caso. Por iso, se notamos que deixamos de ver algunhas canles debemos contactar coa entidade a través da súa web ou dese mesmo teléfono gratuíto.

O sitio llega800 ofrece un listado con todos os municipios do Estado onde xa se despregou o 4G e onde están previstas as próximas postas en marcha. Segundo a web, na zona xa habería nodos activos para Ferrol, Fene, Narón, Neda, Valdoviño, Ortigueira, Cariño e As Pontes. Prevese activar nodos proximamente para Ares, Mugardos, Cedeira e As Somozas. San Sadurniño, Moeche, A Capela ou Cerdido non aparecen no listado, nin como zonas activadas nin como zonas que se vaian activar a curto prazo, aínda que debemos ter en conta que o plan de extensión do 4G completarase en marzo 2018. Con todo, desde o Concello prestarase atención aos anuncios que se produzan sobre prazos e volverase publicar toda esta información chegado o momento.

Se falamos con llega800 por unha incidencia na recepción da tv atribuíble ás interferencias do 4G e non obtemos unha solución rápida -en 3 días laborables-, deberemos presentar unha reclamación. Se aínda así non hai resposta ou esta non é satisfactoria podemos reclamar perante o Ministerio de Industria nos tres meses seguintes. Hai máis información na web da Oficina de Atención a Usuarios e usuarias de Telecomunicacións.

Máis información
Web de llega800


Galeria de Fotos: ¿Que fago se me empeza a fallar a televisión por culpa do 4G?