Debe habilita-los SCRIPTS no seu navegador San Sadurniño volve vestirse de cine co II Chanfaina Lab
San Sadurniño volve vestirse de cine co II Chanfaina Lab

03/09/2015

Imaxen Descriptiva da Nova

A segunda edición do Chanfaina Lab chega a San Sadurniño esta primeira fin de semana de setembro. Máis dunha vintena de cineastas galegos participarán nesta iniciativa audiovisual, posta en marcha polo Concello de San Sadurniño, que convida aos participantes a rodar durante dous días nos diferentes escenarios que conforman as sete parroquias do municipio.

O Chanfaina Lab é unha experiencia de creación audiovisual colectiva que tenta poñer en valor o territorio rural a través dos ollos de creadoras e creadores galegos. Segundo o equipo que o organiza, Chanfaina Lab semella ser “unha mestura de directores e directoras de dentro e de fóra do concello de San Sadurniño, de diferentes idades e con experiencias distintas no audiovisual”. Toma o seu nome dun dos pratos típicos desta zona, a chanfaina, unha comida do rural cociñada con elementos do porco, mesturados nun mesmo prato.

As actividades arrancan o venres cunha proxección de clásicos do rural galego para todos os públicos. “O Carro e o home” (Antonio Román), “As muxicas” (Alberto Alonso), “A meiga chuchona” (Pablo Millán), “O matachín” (Jorge Coira) ou “Taxia” (David Robles) son algúns dos títulos que se poderán ver na Casa da Cultura ás 19:30 horas. Esta sesión de cine iniciarase co teaser de "Tempo vertical", de Lois Patiño, gravada antes do verán no contorno da capela de San Cristobo de Ferreira coa participación de varios veciños e veciñas do Concello. Esta presentación do próximo proxecto de Patiño volverá pasarse o sábado dentro da "Eira de cineastas". O vídeo xa ten certo percorrido internacional e serviulle ao seu director para levar o premio do FIDLab no Festival Internacional do Documental de Marsella.

Na mañá do sábado, os participantes coñecerán a Casa do Concello e a súa contorna e recibirán unha serie de indicacións para poder comezar a gravar as súas pezas. Tras a pausa para o xantar, deberán continuar coas gravacións ata á hora da cea. E xa pola noite (23:00 horas), no Café Dzine, exhibiranse unha serie de traballos realizados con anterioridade polos participantes desta segunda edición do Chanfaina Lab.

Na xornada do domingo os cineastas continuarán completando as súas producións e poderán degustar unha auténtica chanfaina elaborada na Asociación de Veciños “Adiante Igrexafeita”.

As pezas do II Chanfaina Lab poderán verse en xaneiro de 2016, nunha proxección aberta a toda a veciñanza de San Sadurniño, tal como a que se realizou este ano coas obras da anterior edición, que ademais xa levan meses circulando por distintos festivais audiovisuais.

11 homes e 12 mulleres
Un total de 24 creadores visitarán San Sadurniño esta fin de semana. Algúns deles, Roberto Bouza, Sabela Íñiguez, Patricia Lamas, Abel Vega, Ary López ou Miguel Sanjurjo son locais, pero a maioría proceden de distintos puntos da xeografía galega. Alberte Branco, Fran Bermúdez, Antón Caeiro, Ana Domínguez, Eloi Enciso, Álvaro Gago, Mar García, Xiana Gómez, Giselle Llanio, Miguel Mariño, Natalia Porca, Carlos Quirós, Susana Rei, Sandra Sánchez, Diana Toucedo, Gonzalo Veloso e Lucía Vilela compoñen o cartel.

Sigue o Chanfaina nas redes sociais:
Páxina en Facebook
En Twitter: @chanfainalab co hashtag #chanfainalab
Falamedesansadurnino.org

PROGRAMACIÓN
Venres, 4 de setembro
Casa da Cultura
19.30h.
"CLÁSICOS DO RURAL GALEGO"
A mirada do cinema galego sobre o mundo rural tradicional.
A sesión abrirá coa proxección do teaser de "Tempo vertical", de Lois Patiño.
Unha peza gravada antes do verán no contorno da capela de San Cristobo de Ferreira
coa participación de varios veciños e veciñas do concello. O sábado volverá pasarse
dentro da "Eira de cineastas"
"O Carro e o home"Antonio Román. Ano 1940. 11"
"Mamasunción"Chano Piñeiro. Ano 1984. 21"
"O desexo"Miguel Castelo. Ano 1994. 18"
"As muxicas"Alberto Alonso. Ano 2002. 18"
"A meiga chuchona"Pablo Millán. Ano 2006. 6"
"Isolina do Caurel"Chema Gagino. Ano 1997. 15"
"O matachín"Jorge Coira. Ano 1996. 15"
"Taxia"David Robles. Ano 2002. 4"
Sábado, 5 de setembro
Café DZINE
23.00h.
"EIRA DE CINEASTAS"
Presentación de cineastas participantes na Chanfaina"Lab
"Amar", "Cabo Razo", "A Volta dos Nove"Antón Caeiro
"Dúas Pitas"Xiana Gómez
"Muíño do Porto"Abel Vega
"Ferrol Mola"Carlos A. Quirós
Fragmento de "Os fillos da vide"Ana Domínguez
"Dúas flores para un cabaliño"Susana Rey
"Cartoom"Giselle Llanio
"Boroa"Gonzalo A. Veloso
"Meus ollos firen"Natalia Porca
Fragmento de "Encallados"Alberte Branco
"Lúa"Miguel Mariño
Fragmento de "Arraianos"Eloi Enciso
"Imágenes secretas"Diana Toucedo
"Curricán"Álvaro Gago
"Así va el país"David Anca, Miguel Sanjurjo e
Patricia Lamas
"Epílogo"Ary López
TODAS AS PROXECCIÓNS SON GRATUÍTAS
Galeria de Fotos: San Sadurniño volve vestirse de cine co II Chanfaina Lab