Debe habilita-los SCRIPTS no seu navegador O 29 de maio, todas e todos a correr
O 29 de maio, todas e todos a correr

02/05/2016

Imaxen Descriptiva da Nova

O último domingo deste mes o contorno do paseo fluvial acollerá a III Carreira popular Concello de San Sadurniño, organizada pola área municipal de Deportes, o colexio e maila ANPA do centro coa colaboración da Federación Galega de Atletismo. O obxectivo principal da xornada é promover o exercicio e a actividade física en contacto coa natureza como un hábito saudable en todas as etapas da vida. A carreira está aberta a todas as idades e a inscrición pode facerse ata o día 25 pola noite a través da web emesports.es. No caso de querer participar por equipos a data límite é o 22 de maio. O alumnado do CPI poderá apuntarse no propio centro. De feito, un bo número de participantes son da comunidade educativa -profesorado, alumnado, pais e nais-, que levan varias semanas adestrando para un evento que agarda superar a participación do ano pasado e que, nesta edición, forma parte do conxunto de probas que se desenvolverán dentro do circuíto Corre polo Norte.

A saída da primeira carreira darase ás 11.10 horas para a categoría Escolares A, tanto masculina como feminina -anos 2004, 2005 e 2006-, sobre unha distancia de 1.000 metros arredor do paseo fluvial. Vinte minutos despois sairá a rapazada inscrita en Escolares B e C -2002/2003 e 1999/2001- e as persoas participantes na categoría adulta, é dicir, todas as que teñan máis de 13 anos. Neste caso percorrerán 5.000 metros pasando por diante de Intasa, pola estrada de Ferreira e volta de novo á leira da Cortiña.

Prevese que a proba de infantís e maiores dure arredor dunha hora. Por iso se fixou para as 13.00 h. a saída da categoría de benxamíns -anos 2007 e 2008- e para as 12.50h. a de pitufos, na que participarán nenas e nenos nacidos en 2007/2008. En benxamíns correrán 400 metros e en pitufos só 220 sen saír sequera do Arboreto de especies autóctonas. Por último, ás 13.00h. tamén se lle dará a saída á categoría biberóns -2011 e 2012- que só terán que botar unha carreira de 70 metros.

A carreira organizada polo Concello e polo CPI contará coa asistencia de xuíces e xuízas de atletismo e as marcas cronometraranse con chips. Tanto estes dispositivos como os dorsais haberá que retiralos entre as 9.10 e as 11.10h. para a carreira absoluta -infantís de 2º ano e veteráns-, mentres que o resto de categorías deberán facelo media hora antes das súas respectivas probas.

Todas as persoas inscritas estarán cubertas cunha póliza de responsabilidade civil e de accidentes deportivos. Ademais, a organización tamén disporá de servizos médicos e ambulancia desde unha hora antes do comezo das competicións e ata media hora despois de que remate o evento.

Só por participar todos e todas levarán un agasallo. As medallas e trofeos irán para o equipo gañador, para 11 categorías por idade máis -tres primeiros clasificados en masculino e feminino- e para os participantes masculino e feminino de maior idade.

O prazo de inscrición remata o mércores 25 de maio ás 23.59h. e pode formalizarse a través da web emesports.es, unha plataforma que recolle as inscricións e que permite facer o pagamento en liña con tarxeta de crédito ou débito. A comunidade educativa do colexio público poderá formalizar a inscrición no propio centro.

Para os menores a inscrición é gratuíta e os maiores de 18 anos deberán pagar 3 euros. As persoas que queiran participar por equipos deberán inscribirse individualmente e, posteriormente, co equipo correspondente sen que sexa necesario volver pagar a inscrición. O prazo para apuntar equipos finaliza tamén o 22 de maio, ben presencialmente no colexio público ou ben enviando un correo a c.equipossansa@gmail.com indicando o nome da formación, o nome e apelidos de cada compoñente, o sexo e se se trata dun equipo de San Sadurniño ou de fóra.

Como novidade, este ano as persoas participantes na carreira poderán quedar xantar nunha carpa disposta no propio recinto pola Comisión de Festas de Santa Isabel 2016. A reserva poderá facerse a través do correo asociacionculturaldz@gmail.com ou chamando ao teléfono 649 381 132.

Corre polo Norte
A III Carreira popular Concello de San Sadurniño está organizada conxuntamente polo departamento municipal de Deportes, o colexio público, a Federación Galega de Atletismo e a ANPA do centro.

Nesta ocasión a proba enmárcase no I Circuito Corre polo Norte, que levará o atletismo por varios concellos da contorna, desde Valdoviño ata Mañón. A primeira carreira do itinerario desenvolverase este sábado, 7 de maio, en Cedeira. A seguinte será o 21 en Cariño, despois a de San Sadurniño e xa en xuño tocaralle a vez a Moeche -sábado 4- e a Valdoviño o día 18. As tres últimas probas celebraranse o 9 de xullo en Cerdido, o 13 de agosto en Ortigueira e o 4 de setembro en Mañón.

O circuito prevé premios en metálico para a ganadora e ganador absolutos da rolda de oito carreiras. Hai máis información na web www.prueba-t.es

Información da III Carreira popular Concello de San Sadurniño:
Información e inscricións carreira absoluta
Información e inscricións carreira escolar
Inscrición equipos: presencialmente no CPI ou no correo c.equipossansa@gmail.com (data límite o 22 de maio)
Reserva xantar: asociacionculturaldz@gmail.com ou 649 381 132

Galeria de Fotos: O 29 de maio, todas e todos a correr