Debe habilita-los SCRIPTS no seu navegador O BOP publica a convocatoria continua para o alleamento das vivendas de Naraío e Bardaos
O BOP publica a convocatoria continua para o alleamento das vivendas de Naraío e Bardaos

21/01/2015

Imaxen Descriptiva da Nova

O Boletín Oficial da Provincia do pasado 14 de xaneiro publica a nova convocatoria de poxa das vivendas rehabilitadas en Naraío e Bardaos. A diferenza das anteriores, nesta establécese a renovación automática dos prazos para presentar ofertas. Desta maneira a posibilidade de facerse con algunha das vivendas non estará suxeita a unha convocatoria acoutada entre dúas datas determinadas, senón que o Concello iniciará un novo proceso que se irá renovando a partir dos últimos venres hábiles de cada mes. Trátase dunha cuestión puramente procedimental, xa que as condicións da compra seguirán como ata agora.

O sistema de venda rexerase exclusivamente polo criterio do prezo máis alto. A vivenda de Naraío sae a poxa por un prezo base de licitación de 77.552 euros, mentres que a de Bardaos ten un prezo de saída de 75.248,80 euros. As persoas interesadas en adquirir algunha das dúas casas deberán presentar a súa oferta económica na folla normalizada incluída nos pregos que se poden descargar desde o Perfil de Contratante, ademais de achegar noutro sobre á parte a documentación administrativa requirida.

Para optar á poxa será imprescindible que a persoa estea empadroada en San Sadurniño antes do remate do prazo de presentación das propostas. Outro requisito é que non pode ser titular de ningunha vivenda no termo municipal de San Sadurniño con referenza á data de aprobación dos pregos por parte da Xunta de Goberno Local.

Poderase optar á compra de calquera das dúas vivendas e incluso ás dúas. Porén, se unha persoa resultase ser a máxima postora para as dúas casas, debería elixir con cal quere quedar xa que só poderá mercar unha mentres que a outra se lle adxudicaría á seguinte proposta máis alta. No caso de que houbese un empate entre ofertas terá prioridade a persoa que resida na mesma parroquia onde estea o inmoble.

Unha vez adxudicada, quen merque a casa deberá comprometerse a destinala ao seu uso como vivenda habitual durante un mínimo de cinco anos. Nese tempo tampouco poderá vendela. Se non cumprise, o Concello iniciaría o procedemento de reversión para recuperar a propiedade.

Os dous inmobles en venda erguéronse sobre a base de dúas escolas unitarias que requirían unha intervención urxente. Foi entón cando o equipo de goberno decidiu rehabilitalas para convertelas en vivendas que tivesen un prezo asequible e que, ademais, xerasen emprego durante o proceso de reconstrución. De feito os traballos -que comezaron en abril de 2013- déronlle emprego directo a 4 persoas durante medio ano.

¿Como son as casas?
A vivenda de Naraío está situada no lugar do Eirexado e ten 72 metros cadrados en planta baixa. Está asentada nunha finca pechada de 425 metros na que, ademais, hai espazo para xardín e un garaxe con capacidade sobrada para dous vehículos. No interior leva sitio para a cociña, un cuarto de baño xa equipado, dúas habitacións con posibilidade de baldas ou armarios empotrados e un grande salón orientado ao sur cunha zona acristalada que caldea a casa tan só cunha raiola.

A de Bardaos está situada no número 17 do lugar das Loibas e ten dous andares que suman 128 metros cadrados. No interior ten unha grande sala para cociña-comedor, un aseo e unha despensa que comunica coa zona da horta -a casa ten 560 metros cadrados de finca-. No primeiro andar hai dúas habitacións e un amplo cuarto de baño.

Calquera persoa que estea interesada en adquirir algunha das casas pode ir velas tanto por dentro como por fóra. Só ten que chamar ao Concello en horario de mañá -981 490 027- e concertar unha visita. Porén, para facerse unha idea da situación e de como están repartidas, o Concello preparou dous mapas de Google Maps con información completa sobre os inmobles e cadansúa galería fotográfica, á que se accede picando no icono de cada unha das vivendas.

Documentación descargable;
Anuncio publicado no BOP coa prórroga automática das poxas


Mapas de situación das vivendas e galerías fotográficas dispoñibles picando no icono da casa

Vivenda de Naraío


Vivenda de Bardaos
Galeria de Fotos: O BOP publica a convocatoria continua para o alleamento das vivendas de Naraío e Bardaos